miércoles, 3 de diciembre de 2008

Io

É unha historia que forma parte tamén da Metamorfose de Ovidio, está no libro primeiro a continuación de Dafne (da que falarei noutro momento). Io, filla do río Ínaco, (río divino de Argós) era unha fermosísima moza que cando ía visitar ao seu pai , Xúpiter ( o pai dos deuses o prototipo de macho que fai o que lle sae dos ovos, que engana a súa muller con todo o que se pon diante) fixouse nela e no momento decidiu que sería para el, quixese ela ou non (propio de algúns homes "ou eres para min ou non eres para ninguén") primeiro intentou con enganos que a moza fose pola fraga mentres ía calor (claro gustáballe a moza pero non quería que Xuno, a súa muller, o descubrise) nas profundidades da fraga ela non o vería, pero Io non se deixou enganar e intentou fuxir; entón o deus cubriu a terra cunha densa néboa, a moza sentiuse perdida e Xúpiter colleuna e violouna (Ovidio non di exactamente iso, el di "cum deus inductas lata caligine terras occuluit tenuitque fugam rapuitque pudorem." é dicir "cando o deus cubriu a terra en densa e extensa néboa, detivo á fuxitiva e arrebatoulle a virxinidade").
A Xuno chamoulle a atención ver a néboa nun día con tanto sol e como coñecía o "elemento que tiña na casa" buscouno no ceo e o non encontralo imaxinou o que estaba a pasar e di: "aut ego fallor aut ego laedor" (ou me engano ou me están a aldraxar). Ao darse conta Xúpiter de que o ía descubrir a súa muller, transformou a Io nunha fermosa tenreira (eu imaxino que sería da raza rubia galega, son as máis fermosas) a Xuno gustoulle tanto ao vela que lla pediu como agasallo (ela sabía quen era) pero el seguiu a mentir, a moza gustáballe moito pero se non lla daba a súa muller ía sospeitar (tamén é covarde). "Quid faciat? crudele suos addicere amores, non dare suspectum est" (Que facer? entregarlle os seus amores é cruel, non darllos sospeitoso). Ao final entrégalle a vaca a Xuno e esta sabendo como é o seu marido confíalla a Argos "o que vía por todas partes" para que a vixíe e Xúpiter non se chegue a ela.
Quen saíu perdendo nesta historia?, a pobre Io, ela que só pasaba por alí, ao fin rematou con cornos e vixiada por un monstro.

martes, 2 de diciembre de 2008

Xena

Hoxe teño que escribir sobre Xena, a miña cadela. Temos catro cans pero Xena é algo expecial, hai quen di que as mascotas seméllanse aos amos, non sei, pero algo de verdade hai niso.
Xena xa é velliña (12 anos) pero ten tampouco entendemento coma cando era un cachorro, pásalle coma min non se dá conta da idade e pensa que aínda pode correr coma hai anos e claro despois dóenlle as patas e chora, cando a saco coa correa non sabe ir a modo, ten que ir tirando de min todo o tempo. Empezou a formar parte da familia cando tiña un mes, daquela non tiñamos aínda a leira, e estivo vivindo no piso con nós dous anos, eramos sete na casa, ela desde o primeiro momento foi unha máis, o meu fillo daquela tiña 9 anos (as fillas xa eran adolescentes) e anque nos tiña a todos pendientes dela eu penso que non era moi feliz, porque lle pasa coma min, o que lle gusta é a liberdade; saía á rúa dúas veces ao día (pola mañá e pola noite) pero sempre lle era pouco e cando ía ao monte era a cadela máis feliz do mundo. Cando comiamos ela sentaba á mesa con nós, tiña unha cadeira para ela, pero como sabía que ao meu marido iso non lle gustaba cando estaba el, poñíase debaixo da mesa ao meu carón e dábame no brazo para que compartise a comida con ela. Tivo unha etapa na que dicidiu que tiña que contestar ao telefono e a máis dun lle meteu un susto, pois ao soar dáballe coa pata e ao telo descolgado soltaba un ladrido.
Agora desde que vive no campo é a que manda, non lle gusta nada que eu a comparta con outros animais e ponse moi contenta cando imos dar un paseo as dúas soas. Sei que xa ten moita idade pero cada vez que penso niso teño moita tristura.
Lembro cando pariu a primeria vez, tiña case 3 anos, que mal o pasamos as dúas!, ela non era consciente do que lle estaba a pasar e só quería que a collese no colo, queixábase como se fose unha muller, tivo 10 canciños, a moitos deles tiven que limpalos eu porque ela non sabía que facer. Nos seguintes partos xa non me pediu axuda.
Esta é parte da historía dunha cadela que aportou e aporta calor a miña vida. Desexo que a vida sexa xenerosa e eu poida disfrutar dela un montón de anos.