viernes, 6 de febrero de 2009

O Miño e Ourense

Ponte Novísima

A ponte Nova e a ponte do tren ou Viaduto
A ponte do Milenio
Ourense na actualidade

Ponte Vella
Esta ponte sobre o Río Miño é un dos símbolos da cidade de Ourense. De orixe romana, agora só quedan os alicerces, ademais de "Ponte Romana" recibiu distintos nomes ao longo da historia: "Ponte do Miño" (1204), "Ponte de Ourense"(1245), "Ponte do Terrón"(1248), "Ponte Maior" en épocas máis modernas e, finalmente, "Ponte Vella" cando en 1918 se inaugurou "A Ponte Nova".


Dos gregos aprendín que ríos e regatos
Son deuses que abandonan por veces os seus pazos
E gozan con vagar camiños e meandros,
Regueiros e fervenzas, torrenteiras e saltos.


Así que non me enganas, oh Miño derrubado
No límite do inverno, alá no fin de Marzo
Que sei que te apresuras, que sei que vas de paso,
A ollar polas ribeiras, nas árbores dos campos,

A dádiva de Abril, os galanos de Maio.

Manuel Forcadela (de Morte do fadista 2000)

El e ela
O río Miño é un cura
Sen igrexa e sen misal,
Casar Galicia procura
cun noivo: Portugal.

E están os dous namorados
Sin que nada máis esperen,
Hai tantos séculos separados
Sen dar as mans como queren.

El é un mozo valente.
Andou anos polas guerras,
Abriu mares, trouxo terras,
E o corazón sempre ao frente

Ela á beira do rio
Fia Misterio con calma,
En vez de roca ten Alma;
E a paisaxe en vez de fio.

El vea de serra en serra,
E ela, lonxe, a axixar...
El foi ás mesmes para guerra
E ela quedou a esperar.

E mentres el pelexaba,
Para que volvese pedía:
Rezaba cando el perdía,
Cando el vencía, cantaba.

E cando agora volveu
Arrimadiña a un bastón,
Sentiuno no corazón,
Deulle algo de o que era seu.
Alfredo Pedro Guisado

miércoles, 4 de febrero de 2009

Ninfas: as Hamadríades e as Dríadas



As Hamadríades:
Son os espíritos femininos que representan o poder divino das árbores. Nacen e morren á vez que as árbores compartindo con elas a felicidade cando medran e están verdes e os infortunios cando están secas e perden as follas.
Considerábanse espíritos benfeitores aos que era oportuno pedir a súa intervención.
Estas son oito : Karya (castiñeiro), Balanos (aciñeira), Kraneia (sanguiño), Morea (moreira), Aigeiros (chopo), Ptelea (olmo), Ampelos (vide), Syke (figueira).

Doutra banda as Dríadas, como parte da familia das Hamadríades, son as ninfas dos bosques, as que habitan no medio das árbores, mentres que as Hamadríades son as que nacen e morren coas árbores, cuxa vida depende da da árbore. Doutra banda, as Dríades deberían ser, segundo indica o seu nome, as ninfas das aciñeiras, como as Melíades o son dos freixos pero o certo é que se relacionaban con todas as árbores en xeral. Por esta asociación vital, as dríades e os deuses castigaban aos mortais que danaban as árbores sen ofrecer antes un tributo ás ninfas.

Dríope:
Era pastora e cuidaba os rabaños do seu pai preto do monte Eta. Filla de Driops, rei dos Dríopes de Ecalia. Apolo namorouse da moza cando esta se achaba coas ninfas Hamadríades e, tomando a figura dunha tartaruga, permitiu que as mozas xogasen con el a modo de pelota. Dríope depositou sobre as súas pernas á tartaruga, momento en que esta se metamorfoseou en serpe, facendo fuxir asustadas ás ninfas acompañantes da moza. Xa sós, Apolo adquiriu a súa verdadeira forma para acto seguido violar á súa vítima. Dríope quedou encinta, e sen contar o feito acaecido casou con Andremón quen recibiu, coma se fose seu, ao neno que procreara o deus, dándolle o nome de Anfiso.
Dríope acudiu un día co seu fillo e a súa irmá a certo lago en cuxa beira había unha flor de loto. A moza colleu a flor para darlla ao seu fillo, pero observou con sorpresa que brotaba sangue do talo cortado; en realidade era a ninfa Lotis, que tomara aquela forma para escapar á persecución amorosa do deus Príapo.
Ao retroceder, os seus pés quedaron inmóbiles formando unha raíz; esforzouse por arrincalos pero só conseguiu mover a parte superior do seu corpo; lentamente, unha branca cortiza comezou a medrarlle desde abaixo, e aos poucos oprimiulle as cadeiras. Cando se deu conta, desesperada, tirouse dos pelos, pero as súas mans só atoparon follas; toda a súa cabeza estaba ocupada pola ramaxe.
En canto ao neno, Anfiso, notou que se endurecían os peitos da súa nai, non acudindo o lácteo líquido cando succionaba. A súa irmá, abrazando o tronco e as ramas, intentou deter o seu crecemento. Tamén chegaron o seu marido e o seu pai, buscando a Dríope; Íole, sinalando co dedo, mostroulles a árbore do loto. Bicaron todos a madeira e, deixándose caer xunto ás raíces da árbore, abrazáronse a elas.
Xa nada quedaba da fermosa moza, a excepción do rostro, que non fose árbore. As bágoas caíanlle por milleiros sobre as follas que se formaron no seu desdichado corpo. Facendo un derradeiro esforzo, a súa boca deu paso á súa voz, lanzando ao aire estes queixumes:
"Sen culpa sufro castigo. Se se dá algún crédito aos desafortunados, xuro polos poderes divinos que non merezo esta atrocidade, levei unha vida tranquila, sen facer dano a ninguén. Que se me sequen e perda as follas que teño, que me corten con machadas e me queimen, lamentouse. Pero, por favor, quitade a este neno das pólas da súa nai, ocupádevos de que tome o leite e xogue debaixo da miña árbore e que cando poida falar veña a visitarme e diga entristecido: "A miña nai está oculta neste tronco". Pero que teña medo ao lago e non colla flores das plantas; pois debe saber, que todos os vexetais son corpos de deusas. Adeus, miña familia querida!
Deixou de existir ao mesmo tempo que a súa lingua terminou de falar, manténdose quentes durante un longo tempo as súas pólas, logo da transformación do seu corpo.

lunes, 2 de febrero de 2009

O Arco da Vella

En galego coñécese con moitos nomes: Arco do Ceo, Barca da Vella, Arco das Novas, Arco das Mozas, Arco das Sete Cores, A Ponte Coloreada, Arco do Trono, Circo da Vella, Arco Iris, Seña, Gancho, Risco.
Din as lendas que en época de fame chega a secuestrar nenos e nenas, polo que cando se ve, é conveniente recitar: "Arco da vella, vaite de aí, que as nenas bonitas non son para ti".
IRIS na mitoloxía grega é a deusa do arco iris, filla do titán Taumante e de Electra, filla do titán Océano. Como mensaxeira do deus Zeus e da súa muller, Hera, Iris abandonou o Olimpo só para transmitir os divinos mandatos á humanidade, polo que se consideraba unha conselleira e unha guía. Viaxando á velocidade do vento, podía ir dun extremo ao outro da terra e tamén ao fondo do mar ou ás profundidades do submundo. Aínda que era irmá dos monstros alados, as harpías, Iris aparecía representada como unha fermosa moza, con ás e con roupa de cores brillantes e un halo de luz sobre a súa cabeza, atravesando o ceo cun arco de onde provén o termo arco iris que formaba o seu ronsel.
En algunhas culturas o arco da Vella é unha ponte, noutras unha serpe, un cinto, unha faixa, un acueducto que leva auga dos ríos ao mar. Para os mariñeiros é unha soga "Que o Arco da Vella me sirva de gravata se ..." Os barcos que pasan por baixo del quedan malfadados.
Quen é a Vella?. Na tradición galega quedan unhas pegadas dunha deusa asociada á lúa, rexedora do tempo e das colleitas, da que non se garda moita memoria. A Mari vasca aparece moitas veces con forma de Arco Iris.
Nalgúns lugares distinguen mesmo entre dous arcos e entre as cores que as compoñen: as máis escuras pertencen ás vellas, as máis claras, ás novas.
Arco das mozas, /cheo de pozas; /arco das vellas, /cheo de pedras.
Tamén se di que das súas cores a azul representa o diluvio de auga que fixo renacer o mundo e a vermella o diluvio de lume que o ha destruír.
Tamén se chama Seña porque Deus puxo o Arco despois do diluvio como sinal de alianza coa estirpe de Noé.
Segundo polo lado que se vexa e segundo a qué hora, pode anunciar o tempo: se é sobre o mar, bo tempo; sobre a terra, chuvia e neve; entre lusco e fusco, un amencer bo; no mediodía, chuvia todo o día; no ceo, boas novas; se se ve no poñente, mal tempo e se é ao raiar o sol, bo día.
Refráns do Arco da Vella:
Arco da Vella á mañanciña, prepara a capotiña
Arco da Vella ao raiante afala os bois para diante

Arco da Vella ao poñente, solta os bois e vente
Arco da Vella formado, nin bo tempo, nin malo