viernes, 5 de junio de 2009

A nave do estado

Carminum I, 14

Levarante ao mar, oh nave, novas ondas?
Que fas? Ai! Non te afastes do porto.
Non ves como os teus costados están faltos de remos
e, afundido o mastro polo veloz Ávrego,
as túas antenas quéixanse, e apenas
pode aguantar a túa carena sen os cables
ao cada vez máis axitado mar?
Non tes vela sa, nin deuses
a quen invocar no teu auxilio,
e iso por máis que sexas piñeiro do Ponto,
fillo de nobre fraga, e te gabes
dunha liñaxe e dun nome inútil.
Nada confía o mariñeiro, á hora do medo,
nas pintadas popas. Mantente en garda,
se é que non queres ser xoguete do vento.
Ti, que fuches inquietudes para min
e es agora desexo e coidado non leve,
evita o mar, o mar que baña
as Cícladas brillantes.
Horacio

miércoles, 3 de junio de 2009

A raposa á que se lle encheu o seu ventre


imaxe tomada da internet

Unha raposa famenta atopou no tronco dunha aciñeira uns pedazos de carne e de pan que uns pastores deixaran escondidos nunha cavidade. E entrando na devandita cavidade, comeu todo.

Pero tanto comeu que lle medrou tanto o ventre que non puido saír. Empezou a xemer e a laiarse do problema en que caera.

Por casualidade pasou por alí outra raposa, e oíndo os seus laios achegouse e preguntoulle que lle ocorría. Cando se decatou do acaecido, díxolle:

- Pois quédate tranquila irmá ata que volvas ter a forma en que estabas, entón de seguro poderás saír facilmente sen problema!

Con paciencia resólvense moitas dificultades.

martes, 2 de junio de 2009

Non esbardalle, señor Presidente da Xunta


"En Cataluña y Galicia debería hablar español quien quiera",

dicía o señor Feijóo a Buenafuente

Meditando esta frase do señor Feijóo cheguei a conclusión de que segundo el, eu que nacín en Galiza/Galicia e falo galego non son española e a verdade e que levei unha grande decepción, porque pobriña de min, sempre me considerei unha galega - española o mesmo que lle pode pasar a calquera madrileño - español ou andaluz - español.

Segundo o señor Feijóo o galego non é español, porque "o español" é o castelán, entón os que non falamos castelán, non somos españois?; quen é aquí o separatista?.

De todas formas, vindo isto dun "nacionalista español" que chega a presidente da Xunta sen saber falar galego e que cada vez que o intenta mete a zoca, non é de estrañar.

Pretende que os pais decidan a lingua na que os fillos teñen que estudar e menos mal que só son "as linguas", por que eu pregúntome que vai pasar cando os pais podamos decidir se as matemáticas son útiles para os nosos fillos?. Eu apúntome, non quero que os meus estuden alxebra, a min non me serviu para nada.

E por último, que non derradeiro, lémbrolles a todos aqueles que din que en Galicia non hai liberdade lingüística, que iso é unha falacia, aquí cada un fala na lingua que quere, nos colexios privados (falo con coñemento do asunto), en moitos deles, a historia e a xeografía que terían que ser en galego, dan as clases en castelán e nesas materias os rapaces cando van facer a Selectividade poden elixir o idioma no que queren facer o exame.

AQUÍ NON SE CASTIGOU NIN SE PEGOU A NINGUÉN POR FALAR CASTELÁN, A MIN PEGÁRONME POR FALAR O GALEGO, e aínda que non podo olvidalo, perdoeino hai moitos anos.


Feijóo quere converterse no abandeirado da liberdade lingüística, pero o tempo pon a cadaquén no seu sitio, e os galegos xa pasamos por cousas peores e soubemos saír, o que si pode ter claro que non vai pasar a historia deste país COMO DEFENSOR DA SÚA LINGUA E CULTURA.

Mentres isto ocorre sería bo que o señor presidente se molestase en ler a Constitución española, está escrita segundo el en "español" non vai ter ningunha dificultade

CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1978

"1. El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla.

2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades Autónomas de acuerdo con sus Estatutos.

3. La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección.