Hoxe lendo "Xornal.com" atopei o seguinte artigo "Antonio Pazo Buján confesor del Caudillo". Segundo parece este señor cura era o que confesaba a Franco cando estaba este veraneando no pazo de Meirás, no artigo di entre outras, estas lindezas: “Franco era encantador. Mantenía un trato excelente con él y con su mujer, siempre me decían que les comentase cualquier necesidad que tuviese la parroquia”. "Franco ayudó mucho a esta parroquia, y siempre contribuía para las fiestas. Era una persona muy normal y hogareña que no exigía nunca nada y preguntaba siempre sobre los feligreses”. “Carmen Polo siempre me decía: ‘A nosotros nos piden los atrevidos pero no los necesitados’.
Eu tiña entendido que "confesar" era dicir os "pecados" a un cura e entón, que c... confesaba Franco para ser tan encantador? ou para el, firmar penas de morte e perseguir e fusilar e reprimir.. e someter a un pobo non eran pecados?. O mellor, é que ao cura todo iso parecíalle encantador
Iso de que era "unha persoa moi normal e..." é para min o mellor da entrevista, que frase!!!
"Normal" se ser coma aquel "señor" é ser normal...(Segundo o dicionario da RAG "Que segue as normas da especie [ser vivo]. ANT. anormal.). Está claro que Franco seguiu sempre as normas (as súas) quen non as seguía non era "normal", por iso eran perseguidos todos aqueles que non seguían "as súas normas".
"Hogareña que no exige nunca nada" Que ben! o seu fogar era toda España e calquera se atrevía a negarlle algo... Isto lémbrame aquela materia que tiñamos que estudar as nenas do franquismo, chamábase algo así "Economía doméstica" e entre outras cousas había que aprender aquilo: "Ten preparada unha comida deliciosa para cando el regrese do traballo; especialmente, o seu prato favorito. Ofrécete a quitarlle os zapatos. Fala en ton baixo, relaxado e pracenteiro. Prepárate, retoca a túa maquillaxe, coloca unha cinta no teu cabelo; faite un pouco máis interesante para el. O seu duro día de traballo quizá necesite dun pouco de ánimo, e un dos teus deberes é proporcionarllo... Agora entendo porque me obrigaron a estudar todo aquilo, claro "Franco era Hogareña" e desexaba que as mulleres tamén fósemos "hogareñas". O raro, raro é que os homes non tiñan que ser "hogareños"
"Preguntaba siempre sobre los feligreses" A verdade é que isto si o creo, non fose que a alguén se lle ocorrese non ir o domingo a misa ou non doar as terras para pasear el e a súa tribo.
" A nosotros nos piden los atrevidos no los necesitados" dicía a "gran señora". A verdade que había que ser moi atrevido e valente, cada vez que alguén se atrevía a pedir só un pouquiño de liberdade, no mellor dos casos, remataba coa metade dos ósos rotos..